Defensa da profesión

Tal como se recolle no artigo 6.2 dos Estatutos do Colexio, unha das funcións do COBGA é “exercer a representación e defensa da profesión de biólogo e dos seus intereses xerais ante os poderes públicos de Galicia e ante as restantes Administracións”.

Accións de defensa 2013

Durante este ano o Colexio está a desenvolver unha serie de accións destinadas á defensa da profesión de biólogo:

Xuño 2013

Probas selectivas escala de biólogos Xunta de Galicia (6 de xuño).Remítese escrito ao Director Xeral da Función Pública en relación coas anomalías ou inconcrecións observadas no Programa que rexerá as probas. A parte específica, en comparación coas de outras escalas, é demasiado inconcreta polo que se lle solicita que se indique a normativa relacionada con cada tema naqueles nos que exista para evitar o agravio comparativo que se traduciría nunha maior dificultade para os biólogos, ao configurar uns temarios de forma distinta en función da titulación esixida para os postos.

Maio 2013

En relación a noticia da Oferta Pública de Emprego do Sergas 2013. no DOG do 6/VI/13) publicase a seguinte corrección de erros Debe dicir: Título universitario oficial de grao ou de licenciado/a ou doutor/a en Ciencias Biolóxicas e título de especialista expedido polo Ministerio de Educación Cultura e Deporte, na especialidade de Análises Clínicas ou Bioquímica Clínica.». [BOE]

Oferta Pública de Emprego do Sergas 2013. Na Resolución do 30 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, de convocatoria de concurso-oposición para o ingreso en diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área do Servizo Galego de Saúde, entre os requisitos para as prazas de Facultativo Especialista en Análises Clinicas continúa solicitándose o "Título universitario oficial de grao ou de licenciado/a ou doutor/a en Ciencias Biolóxicas e acreditar a súa formación na especialidade de Análises Clínicas ou Bioquímica Clínica mediante a formación completa como biólogo/a interno/a residente, realizada en centros acreditados ou debidamente recoñecidos, logo de superación da proba nacional selectiva que establecen as disposicións vixentes", pese a que desde o 2002 xa existe o título de especialista para os biólogos. No escrito dirixido á súa directora o 14 de maio, pedímoslle que corrixa os termos da convocatoria nese sentido.

Abril 2013

Anteproxecto de Lei do Empregado Público de Galicia (29 de abril).Envíanse alegacións á Dirección Xeral da Función Pública e aos sindicatos presentes na Mesa de Negociación relativas a que na rama de coñecementos da escala de biólogos se indique de xeito explícito o "título universitario oficial de licenciado ou graduado en Bioloxía" e que na escala de axentes de extensión pesqueira se manteñan as titulacións recollidas no artigo 12. 4. 1 da Lei 12/1992 de creación de Escalas de Persoal Funcionario (capitán de pesca, diplomado en EXB ou os tres primeiros cursos de licenciado en Ciencias Biolóxicas, incluíndo as novas titulacións universitarias equivalentes.

Marzo 2013

Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios (20 de marzo). O Consejo General de Colegios de Biólogos interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra o Real Decreto 1275/11, de 16 de setembro polo que se crea a AEMPS, ante a Sala Terceira, Sección Primeira, do Tribunal Supremo. [BOE] [Redacción Médica: Los biólogos llevan a la AEMPS ante el Supremo por "ocultar" su labor sanitaria]

Instituto Galego da Calidade Alimentaria (13 de marzo). A convocatoria dun técnico con cargo ao proxecto WINETech Plus Comunidade de innovación e novas tecnoloxías en viticultura e elaboración de viño exclúe aos titulados en Bioloxía como candidatos. No escrito dirixido ao seu director para que reconsidere os termos da convocatoria, lémbranselle as funcións da profesión e a existencia de biólogos desenvolvendo a súa actividade na industria vinícola de Galicia.

Febreiro 2013

Relación de Postos de Traballo Consellería do Medio Rural e do Mar (26 de febreiro). En relación coa reunión do día 27 sobre esta RPT, reenviáselle á Dirección Xeral de Función Pública e aos sindicatos presentes na Mesa de Negociación o escrito remitido en outubro pasado en ocasión similar, para a súa toma en consideración.

Centro Español de Metrología (25 de febreiro). A convocatoria de bolsas para a formación de especialistas en metroloxía non contempla a titulación de Bioloxía. O COBGA solicitou ao Consejo General de Colegios de Biólogos que reclamara a súa inclusión, feita mediante escrito dirixido ao Ministerio de Industria, Energía y Turismo do 27/II/13.

Accións de defensa 2012

Decembro 2012

Fundación IDICHUS (4 de decembro). A convocatoria dunha praza de contratado de investigación (Ctto 058/2012) para o proxecto INVICTUS: 8.1. Dianas terapéuticas para el ictus, require a titulación de Licenciatura en Biología- Especialidad en Biología Molecular. No escrito reitéranselle á Directora as consideracións expresadas anteriormente respecto do asunto da praza de bolseiro P001/2012. A resposta da Directora de 10 de decembro indica que ao non ser Administración Pública, teñen total libertade para solicitar os requisitos que consideren necesarios.

Novembro 2012

Fundación IDICHUS (30 de novembro). A convocatoria dunha praza de bolseiro de investigación (P001/2012) require a titulación de Licenciado/a en Bioloxía, especialidade Bioloxía Fundamental e Sanitaria. No escrito enviado á Directora da Fundación solicítaselle que elimine ese requisito e, que en todo caso, o fagan constar como mérito, citando a normativa sobre obtención, expedición e homologación de títulos universitarios. A resposta da Directora de 10 de decembro indica que ao non ser Administración Pública, teñen total libertade para solicitar os requisitos que consideren necesarios.

Outubro 2012

Proposta de modificación completa da Relación de Postos de Traballo da Consellería do Medio Rural e do Mar (30/10/12). Remítese escrito ás organizacións sindicais presentes na mesa de negociación en relación coa non inlcusión da titulación de Biólogo/a en diversas prazas da nova RPT, para que asuman a reivindicación do Colexio.

Prazas de interinidades e substitucións ensino (19 de outubro). A convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación para as especialidades de análise e química industrial (PES, 590102) e laboratorio (PTFP, 591208) non inclúe aos licenciados en Bioloxía. Reclámase en razón das funcións da profesión e da analoxía de coñecementos coas titulacións esixidas (Bioquímica, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias Ambientais).

Concurso de traslados administración especial Xunta de Galicia (17 de outubro). Remítese escrito ás organizacións sindicais presentes na mesa de negociación en relación cos postos de director-conservador de parque natural e de director de reserva de caza, excluídas da oferta, para que asuman a reivindicación do Colexio.

Centro Superior de Hostelería de Galicia (9 de outubro). A convocatoria para a elaboración de listas de agarda para o posto 2001-30010 Profesor/a hixiene, dietética e nutrición exclúe aos licenciados en Bioloxía. Na carta remitida lembrámoslle á Directora as funcións da profesión de biólogo. Na súa resposta do 22 de outubro, indica que buscan "formacións que, aínda que poidan ter certa afinidade, non sexan xeneralistas".

Setembro 2012

Consellería de Sanidade (28 de setembro). Escrito enviado lembrando a obrigatoriedade da colexiación para os licenciados en Bioloxía que, superado o proceso selectivo correspondente, inicien nos centros hospitalarios de Galicia o período de formación especializada (BIR) e aqueles que asinen contratos temporais con institucións sanitarias dependentes do SERGAS, en relación coa aplicación da Lei do Parlamento de Galicia 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Agosto 2012

Estudo Galemys pyrenaicus (13 de agosto). En relación á licitación mediante procedemento negociado do servizo para realizar o estudo desta especie na conca do río Ulla, diríxese escrito á Dirección Xeral de Conservación da Natureza no sentido de que, dada a natureza da licitación, non se considera necesaria a esixencia dun delegado de obra e un responsable en seguridade e hixiene.

Xuño 2012

Máster Interuniversitario en Bioloxía Mariña (25 de xuño). Remítense escritos ao Coordinador e Responsables nas universidades xa que na introdución ao borrador aparece a referencia á profesión de biólogo mariño, para indicarlles que tal profesión non existe e evitar polo tanto conducir a erro aos posibles alumnos que identifiquen inexactamente Máster en Bioloxía Mariña (titulación) con Biólogo Mariño

Abril 2012

Proxecto de Lei de Montes de Galicia (25 de abril). Enviamos aos grupos parlamentarios da cámara galega unha enmenda relativa á definición de "técnico competente en materia forestal" para incluír nela a outros titulados universitarios con "competencias en sistemas e medios forestais" ademáis dos enxeñeiros de montes e enxeñeiros técnicos forestais. O Grupo dos Socialistas e o do BNG do Parlamento de Galicia recolleron a nosa proposta e engadírona ás súas.

Febreiro 2012

Estrutura orgánica Consellería do Medio Rural e do Mar (16 de febreiro). A Xunta de Goberno acorda interpoñer recurso contencioso-administrativo contra o Decreto 46/2012, de 19 de xaneiro, da Consellería do Medio Rural e do Mar, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, e do Fondo Galego de Garantía Agraria, publicado no DOG do 24 de xaneiro de 2012. Tamén o 6 de marzo preséntanse alegacións ao mesmo Decreto 46/2012. No seu artigo 4.3.3. defínese un Servizo de Inspección Veterinaria, ao que se atribúen funcións administrativas que exceden notablemente o esperado de tal denominación, solicitando a modificación da norma para garantir o acceso dos titulados en Bioloxía aos postos de traballo que se deriven desta estrutura orgánica.

Sentenza favorable en produtos fitosanitarios. No seu día o Colexio interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra a Orde conxunta das Consellerías de Medio Rural e de Sanidade de 14 de abril de 2009, que regula a formación das persoas que realizan actividades de manipulación e aplicación de produtos fitosanitarios, xa que no seu artigo 7 non figuraba a Bioloxía como unha das titulacións a posuír polos docentes dos cursos de manipulador-aplicador. A Sección 1 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na súa sentenza 00175/2012, do 8 de febreiro de 2012 estima o noso recurso e en consecuencia anula o artigo citado “en cuanto excluye la titulación de Biología, declarando que debe incluirse la misma entre las que ha de poseer el personal docente de los cursos de manipulador-aplicador de produtos fitosanitarios”. Contra este fallo cabe aínda a posibilidade de que a Administración demandada formule recurso de casación ordinario ante o Tribunal Supremo, feito que coñeceremos en poucos días. En caso de non producirse esta demanda, xa queda aberto inmediatamente para os biólogos outro nicho de emprego na formación de persoal que pode manipular e aplicar os produtos fitosanitarios.

Accións de defensa 2011

novembro 2011

Lei de Acompañamento aos orzamentos (28 de novembro). En relación ao Proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas ("Lei de Acompañamento"), sometida a debate no Parlamento de Galicia, e vistas as modificacións normativas que introduce en ámbitos relacionados coa actividade profesional dos biólogos e especialmente en materia ambiental, o COBGA dirixíuse aos Grupos Parlamentarios manifestando a súa preocupación polas repercusións que terían a modificación do artigo 5 da Lei de Medidas Urxentes en Materia de Ordenación do Territorio e do Litoral de Galicia e do artigo 5 da Lei de Protección Ambiental de Galicia, en termos de conservación de especies e hábitats e na xeración de traballo de consultoría e asesoría ambiental. O Colexio proponlles aos Grupos da Cámara do Hórreo unha verdadeira revisión da lei utilizando os mecanismos de participación cidadán e da normal práctica lexislativa en lugar do sistema empregado.

Dirección Xeral da Función Pública (21 de novembro). A proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas persiste no tratamento desigual con relación a outras escalas ou corpos da Administración Especial. Por esta razón, envíase un escrito sinalando aquelas prazas que deberan estar accesibles para os biólogos na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia e nas Xefaturas de Sección Ambiental.

outubro 2011

Centro Tecnolóxico da Carne (31 de outubro). A convocatoria para a contratación dun Técnico/a de Transferencia Tecnolóxica (concurso de méritos), para a realización do servizo "Ampliación do campo de actividade mediante a diversificación do catálogo de servizos", non inclúe aos titulados en Bioloxía. Envíaselle escrito ao Director Xerente solicitándolle que modifique as bases da convocatoria nese sentido.

setembro 2011

Recursos contenciosos (22 de setembro). A petición da Comisión de Asuntos Laborais, reunida o 15 de setembro, interpóñense recursos contra o Decreto 150/2011, do 21 de xullo da Consellería do Mar, contra a Resolución do 22 de xullo de 2011 da Consellería de Facenda e contra a Orde do 22 de xullo de 2011, da Consellería de Facenda. Todos eles están relacionados coa creación do Servizo de Inspección Veterinaria na Subdirección Xeral de Gardacostas na Consellería do Mar.

Director Xeral de Función Pública (21 de setembro). Envióuselle unha pregunta sobre o estado de tramitación do Borrador do Decreto dos Servizos Veterinarios de Galicia e as súas funcións, sobre o que se lle presentaran alegacións en setembro do 2010 e non recibimos resposta. Tamén se lle propón a promoción dun Decreto común polo que se regule a Administración especial da Xunta de Galicia para todas as profesións.

Novas especialidades sanitarias (19 de setembro). Envíanse ao Consejo General de Colegios de Biólogos as alegacións ao Proxecto de Real Decreto de creación de nuevas especialidades (Xenética Humana entre elas) e ao Proxecto de Real Decreto por el que se regula la incorporación de criterios de troncalidad en la formación de determinadas especialidades en Ciencias de la Salud; elaboradas pola Comisión de Sanidad, reunida o 16 de setembro. O CGCOBs xa redactou as alegacións correspondentes.

agosto 2011

Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios (5 de agosto). A convocatoria para a selección de persoal temporal dunha praza de facultativo investigador para a Unidade de Radiofármacos PET de Galicia establece como requisito ter o título de licenciado ou doutor en Medicina, de xeito que se lle enviou escrito á Directora-Xerente preguntando polas competencias da actividade que fan que os biólogos non estean capacitados para desempeñala, sendo que a Oncoloxía Molecular é un dos campos típicos da profesión. Segundo a resposta recibida o 6 de setembro, "a orientación de tipo clínico-terapéutico da investigación aconsella que se incline por un profesional con formación médica, por considerar que para un proxecto de esta índole ofrece unha maior flexibilidade e posibilidade de adaptación ás necesidades da problemática que vaian surxindo no seu desenvolvemento".

maio 2011

Instituto Enerxético de Galicia (4 de maio). O proceso de selección dun técnico superior para o proxecto europeo “Eficiencia, coxeración e xestión enerxética no sector servizos”, que incluía en principio nas súas bases a titulación de Bioloxía entre outras, sufríu unha corrección de erros posterior que a eliminaba, de maneira que se interpuxo recurso de alzada contra dita corrección de erros da Resolución do INEGA de 21 de febreiro.

abril 2011

Deputación Provincial de Pontevedra (29 de abril). A convocatoria dunha bolsa de licenciado en Ciencias Biolóxicas con destino á Finca Mouriscade establece que a selección do bolseiro/a efectuarase mediante a celebración dunha Entrevista Persoal. Envióuselle escrito ao Sr. Presidente, sinalando que a entrevista non é un sistema de selección e o seu contido vulnera os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

Deputación de Pontevedra (13 de abril). Interposto recurso de reposición contra a convocatoria de dúas bolsas dirixidas a enxeñeiros técnicos agrícolas para tarefas de investigación e colaboración, co fin de mellorar e prestar asistencia técnica, reforzar o asesoramento en materia de viticultura e horta, das plantacións de viñedos e cultivos da provincia de Pontevedra, publicada no BOP do 22 de marzo. Na base primeira exclúese a titulación de Bioloxía.

Consellería do Medio Rural (8 de abril). A Xunta de Goberno adopta o acordo de interpoñer recurso contencioso-administrativo contra a Orde do 25 de marzo de 2011 de convocatoria de bolsas de formación de tecnólogos e persoal de apoio á investigación, que exclúe aos titulados en Bioloxía.

marzo 2011

Complexo Hospitalario de Pontevedra (4 de marzo). A convocatoria dunha praza de Facultativo Especialista de Área de Microbioloxía (vinculación temporal) ignora que xa existen os títulos de Especialista para Biólogos, Químicos e Bioquímicos, esixindo "acreditar a súa formación na especialidade mediante diploma expedido pola correspondente escola de especialización ou formación completa como biólogo interno residente", polo que se lle envía escrito ao Xerente Xeral lembrándolle o que indica o Real Decreto 1163/2002. No mesmo sentido tamén se escribe á Directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

Certificados de profesionalidade da familia profesional “Imaxe persoal” (4 de marzo). No BOE dese día publícase a sentenza do Tribunal Supremo pola que se declara a nulidade do apartado IV do anexo I do Real Decreto 1379/2009, de 28 de agosto, polo que se establecen dous certificados de profesionalidade da familia profesional “Imaxe persoal”. O recurso foi presentado polo Consello Xeral de Colexios de Biólogos, por indicación do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia. Nel estímase parcialmente, no relativo ao módulo formativo “Hixiene e Asepsia aplicados á Perruquería”, en canto exclúe da «titulación requirida como docente» ao Licenciado en Ciencias Biolóxicas. [ver BOE].

febreiro 2011

Especialidade de operacións e equipos de elaboración de produtos alimentarios (15 de febreiro). Escrito enviado ao Director Xeral de Centros e RRHH da Consellería de Educación, xa que no Anuncio de apertura de prazo de solicitude de prazas de interinidades e substitucións no corpo de profesores técnicos de FP non se inclúe a titulación de Bioloxía.

xaneiro 2011

Centro de Investigación Forestal de Lourizán (5 de xaneiro). Envióuselle un escrito ao conselleiro do Medio Rural solicitando a inclusión dos biólogos na convocatoria de bolsas de apoio de formación en tarefas de investigación de titulados superiores no campo de investigación de mellora xenética forestal, segundo a Orde do 28 de decembro de 2010 publicada no DOG do 4 de xaneiro de 2011.

Accións de defensa 2010

novembro 2010

Consellería do Mar (23 de novembro). O secretario xeral da Consellería do Mar recibiunos o martes 23, ás 12:00 horas, para tratar asuntos vencellados á Relación de Postos de Traballo (RPT) da Consellería do Mar.

Servizo de Promoción do Emprego (15 de novembro). O baremo de expertos-docentes da convocatoria de decembro de 2010 dos programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento (Orde do 18 de marzo de 2010; DOG do 26/III/10) exclúe aos licenciados en Bioloxía en diversas especialidades: Traballo Forestal, Xardinería, Agricultura Ecolóxica. Envióuse a correspondente reclamación ao Director.

Especialidades Sanitarias (9 de novembro). O Consello Xeral de Colexios de Biólogos interpuxo no seu día un recurso contencioso-administrativo en contra do Real Decreto 183/2008, reivindicando a creación de especialidades como as de Xenética Humana, Reprodución Humana Asistida, Nutrición e Dietética, Saúde Pública e Investigación Biosanitaria. O Tribunal Supremo admitíu a proba documental solicitada polo Consello, de maneira que o COBGA enviou escrito a institucións sanitarias, clínicas privadas e aos reitores das universidades galegas para interesarse polo número de biólogos que exercen a súa actividade neses ámbitos. O Consello remitirá esta información ao procurador para entregala no Tribunal.

outubro 2010

Fundación CETAL (26 de outubro). Enviouse un escrito solicitando a inclusión dos biólogos na convocatoria dun técnico de apoio no proxecto "Control biológico de la podredumbre blanca radicular causada por especies del género Armillaria en viñedos de Galicia". A titulación que se indica para os candidatos é exclusivamente a de Enxeñeiro Técnico Agrícola.

Xornada técnica "Colexios profesionais, adaptación á Directiva Europea de Servizos" (22 de outubro, Santiago). Organizada pola Unión Profesional de Galicia, nela interviu a Decana como moderadora dunha mesa redonda sobre o Real Decreto de visado colexial obrigatorio, na que participou Ignacio Apilánez, do Colexio de Biólogos de Asturias. [ver noticia].

setembro 2010

Director Xeral da Función Pública (13 de setembro). Envíanselle as alegacións relativas ao borrador de Decreto dos Servizos Veterinarios de Galicia e das súas funcións: sobre a confusión entre competencias da administración veterinaria e funcións da profesión de veterinario, sobre a formación que reciben os veterinarios e as funcións que lles atribúe o Decreto e sobre a probable inseguridade xurídica que ocasionaría a súa aplicación.

agosto 2010

Consellería de Sanidade (20 de agosto). Dado que no informe do Plan Estratéxico do SERGAS publicado na súa web ignórase completamente a participación da Decana do COBGA na elaboración do Plan, remíteselle escrito alusivo lamentando este feito. O 15 de setembro recibiuse unha carta de desculpa comunicando a modificación do documento.

xullo 2010

Director de Área Sanitaria de Ferrol (19 de xullo). Escrito para lembrarlle que para os biólogos existe tamén o título de Especialista a partir da publicación do R. D. 1163/2002, de creación das especialidades sanitarias para químicos, biólogos e bioquímicos e polo tanto non procede que "acrediten a súa formación na especialidade mediante diploma expedido pola correspondente escola de especialización ou formación completa...".

xuño 2010

Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade (9 de xuño). Enviadas alegacións para a modificación do artigo 3 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado pola Lei 1/2010, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE, relativa aos servizos no mercado interior.

maio 2010

Xornada técnica “Colexios profesionais: novos retos” (21 de maio, Santiago). Participou a Decana do Colexio cun relatorio titulado "A colexiación: o caso do COBGA" , no que se revisaba o marco legal existente na actualidade e se analizaba o exemplo concreto da profesión de biólogo dende o punto de vista do interese xeral, expoñéndoo como un estudo de caso. [descargar pdf].

Real Decreto sobre obrigacións de visado colexial de traballos profesionais (21 de maio). O anteproxecto do Goberno (consecuencia da previsión contemplada na Lei Ómnibus) determina dez tipos de traballos profesionais de visado obrigatorio nos seguintes ámbitos: edificación; voladuras e demolicións de edificios; fabricación e venda de explosivos, cartuchería e pirotecnia; recursos mineiros; instalación de infraestruturas de telecomunicación. Agás nestes casos, o visado pasará a ser voluntario e a solicitude do cliente. Ademais, o profesional que asine un traballo que deba ser obrigatoriamente visado poderá dirixirse a calquera colexio competente por razón da materia á que se refira dito traballo. O Consello Xeral de Colexios de Biólogos enviou as súas alegacións (resultado da colaboración dos colexios territoriais) á Administración competente: ningún dos traballos está relacionado co medio ambiente, descoñecendo que o seu mal estado inflúe de maneira directa sobre a saúde das persoas, concepto que forma parte da súa seguridade e integridade física, e especificando 69 tipoloxías de memorias relacionadas co medio e que realizan biólogos que deberían ser de visado obrigatorio. Tampouco están contemplados os traballos relacionados coa seguridade alimentaria e tamén se solicita que sexan incluídos. Así mesmo pídese a eliminación do artigo do anteproxecto que prevé que un colexio vise un proxecto cuxo autor é un non colexiado. O COBGA tamén está traballando a través da Unión Profesional de Galicia para recurrir esta norma así como outros aspectos da Lei Ómnibus.

Consellería do Medio Rural (21 de maio). Acórdase interpoñer recurso contencioso-administrativo contra a convocatoria de bolsas de formación de tecnólogos e bolsas de prácticas para recén titulados que xa fora obxecto dun recurso potestativo de reposición presentado o 12 de abril.

Concello de Pontevedra (21 de maio). Acórdase interpoñer recurso contencioso-administrativo contra as bases específicas das prazas de Técnico en Medio Ambiente e Técnico en Medio Ambiente Natural da oferta de emprego público de 2008, que excluían aos biólogos da titulación requirida e que xa foran obxecto de recurso potestativo de reposición o 9 de marzo.

Director de Área Sanitaria de Ferrol (20 de maio). Na convocatoria do posto de Xefe de Servizo de Microbioloxía especificábase: "Título de Licenciado en Medicina e Cirurxía co título de especialista correspondente ao servizo ao que se opta". Remítese escrito lembrando que o Real Decreto 1163/2002 dispón no seu anexo que tamén os licenciados en Bioloxía poderán acceder á devandita especialidade. A convocatoria foi modificada no sentido indicado.

Director Xeral de Recursos Humanos do SERGAS (18 de maio). Envióuselle escrito para que nas convocatorias de prazas de Técnico Especialista de Laboratorio se contemple como mérito valorable a posesión do título de Licenciado en Bioloxía.

TRAGSA/TRAGSATEC (7 de maio). Enviado escrito en relación coa oferta dun posto de Licenciado/a en Ciencias do Mar na Coruña para "incorporarse al equipo encargado del estudio y desarrollo de mejoras en los trabajos realizados en reservas marinas", para modificar as bases da convocatoria no sentido de incluír aos Licenciados en Bioloxía.

abril 2010

Consellería do Medio Rural (12 de abril). Recurso potestativo de reposición contra a convocatoria de bolsas de formación de tecnólogos e bolsas de prácticas para recén titulados, xa que, agás as 35 bolsas de prácticas en empresas e entidades relacionadas co sector agroforestal e alimentario, no resto de casos omítese a titulación de Bioloxía.

marzo 2010

Entrevista co director xeral de Función Pública (10 de marzo). Fixéronselle reivindicacións relativas ás RPTs das consellerías.

Deputación Provincial de Pontevedra (10 de marzo). Envióuselle un escrito relativo á convocatoria dunha bolsa da Estación Fitopatolóxica do Areeiro destinada en exclusiva a enxeñeiros técnicos agrícolas ou forestais.

Concello de Pontevedra (9 de marzo). Recurso potestativo de reposición contra as bases específicas das prazas de Técnico en Medio Ambiente e Técnico en Medio Ambiente Natural da oferta de emprego público de 2008, que excluían aos biólogos da titulación requirida.

Mobilizacións en defensa da ciencia en España (6 de marzo). O Colexio adheriuse ao manifesto proposto polas entidades e colectivos que convocaron a manifestación celebrada en Madrid baixo o lema “Por la dignidad en la investigación”.

febreiro 2010

Plan Estratéxico do Sergas (25 de febreiro). Enviouse un escrito á Conselleira de Sanidade con motivo de que o COBGA non fose convidado á reunión celebrada o 22 de febreiro para a elaboración do devandito plan. O Colexio foi convocado posteriormente polo director da FEGAS a outra xuntanza celebrada o 11 de marzo, á que asistiu a decana.

Entrevista co conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria (23 de febreiro). Fixéronselle reivindicacións relacionadas co ensino universitario e non universitario. Solicitouse:

Entrevista (solicitada) co secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (12 de febreiro). A reunión tivo lugar coa subdirectora de Persoal e Xestión Económica, á que se lle fixeron reivindicacións relacionadas coa RPT da Consellería.

xaneiro 2010

Entrevista co secretario xeral da Consellería do Mar (21 de xaneiro). Fixéronselle propostas vencelladas á RPT da Consellería: cambios na titulación requirida nalgúns postos de traballo, igualar o nivel base de todas as prazas deste corpo ao nivel 24, catalogar determinadas prazas para a escala de biólogos, recoñecer o dereito a compensar horas traballadas fóra do horario normal, abrir as prazas de nova creación para veterinarios como prazas de inspección de sanidade animal e seguridade alimentaria, ofrecer en comisión aos funcionarios de carreira as prazas que se van creando…

Corpo facultativo superior Escala de Enxeñeiros de Montes (21 de xaneiro). Acórdase interpoñer recurso contencioso-administrativo contra a Orde da Consellería de Facenda, na que se convocaba elección de destino provisional para os aspirantes que tiñan superado o proceso selectivo. Solicitouse a medida cautelar de suspensión da adxudicación da praza de Xefe da Sección de Biodiversidade dos Servizos Periféricos de Lugo.